Oops! It appears that you have disabled your Javascript. In order for you to see this page as it is meant to appear, we ask that you please re-enable your Javascript!

Historia e Valores

Foi en 1965 cando D. Enrique Otero, daquela un rapaz, comezou a dar clases particulares na rúa San Paio. Con moito esforzo e traballo contínuo, pronto aquela aula se converteu nunha academia, que foi o paso previo para a fundación dun centro de ensino regrado.

Deste xeito, en 1969, D. Enrique Otero conseguiu a autorización do Centro de Ensino Primario, polo que o Colexio Nuestra Señora de Lourdes era xa unha realidade. A súa inscrición no rexistro foi un 11 de febreiro, de aí o seu nome. Daquela o colexio estaba situado nun baixo da mesma rúa San Paio e contaba con 2 profesores. Era o inicio dun proxecto que foi medrando coa colaboración da súa parella, Dna Lolita Neira.

En 1973, e xa no número 18 da rúa O Cruceiro, foi autorizado como Colexio de EXB. Tres anos máis tarde, en 1976, foi trasladado ao actual enderezo, O Cruceiro 32 e autorizado como Colexio de Educación Infantil e EXB.

No ano 1980, inauguráronse as Instalacións Deportivas en Santabaia 42, en Matalabos. Dúas hectáreas de natureza con carballeira, campo de fútbol, pistas de atletismo, cancha de baloncesto e amplos espazos de aprendizaxe e recreo.

En 1987 subscribiu o concerto educativo coa Xunta de Galicia. E desde 1999, está clasificado como Centro concertado de Educación Infantil e Primaria. Co ánimo de dar continuidade a todo o ensino obrigatorio, no ano 2000 o colexio inaugurou o centro de Educación Secundaria no terreo de Santabaia. Desde entón, o Colexio Lourdes queda clasificado como Centro concertado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria. Tamén acadou a autorización de Ensino de Adultos, aínda que actualmente non se imparte.

Ao longo destes anos, o colexio foi medrando, ampliando as súas instalacións e adaptando as aulas aos novos tempos e as metodoloxías máis innovadoras. Actualmente consta de dous edificios amplamente equipados con aulas dixitalizadas, bibliotecas, salóns de actos, laboratorios, aulas de plástica, obradoiros de tecnoloxía e aulas múltiples envoltas en amplos espazos de aprendizaxe na natureza e zonas de recreo.

Calcúlase que nestes anos o número de alumnado que estudou no Colexio Lourdes ascende a 3500. Multitude de persoas que forman parte da sociedade estradense e galega son ex-alumnas e ex-alumnos do colexio. Xa son varias xeracións e nestes intres o alumnado está composto por netas e netos de antigos alumnos e alumnas, demostrando así 50 anos de confianza no proxecto.

Son moi numerosos os recoñecementos e premios que recibiu tanto a nivel local como autonómico:

  • Trofeos deportivos: balonmán, atletismo, baloncesto, fútbol
  • Concursos de redacción
  • Concursos de teatro
  • Premios de música
  • Insignia de prata do Museo do Pobo Galego
  • Premio Confederación de Centros de Ensino de Galicia á Liberdade da Ensinanza.
VALORES

Nos 50 anos de historia houbo numerosos cambios, a sociedade actual é moi diferente á sociedade do 1969, e o colexio foi modificando o equipo, a metodoloxía, os espazos, sempre co ánimo de ofrecer una ensinanza de calidade e fiel aos seus Valores:

–  O colexio está en continua evolución, é un organismo vivo que aprende e ensina. Que escoita á sociedade e dá respostas de aprendizaxe a alumnado e familias e que atende ás necesidades dunha sociedade cambiante. A comunicación coas familias é fundamental. Alumnado, familias e colexio somos un equipo.

– O triunfo do labor formativo é conseguir que cada unha das alumnas e cada un dos alumnos aporte o mellor de si mesmo, que aprendan e se formen como persoas felices e exitosas, cada unha no seu ámbito, para construír un mundo mellor.

– O respecto a todas as persoas é prioritario. O labor do colexio é velar e aprender ao alumnado a respectar ás súas compañeiras e aos seus compañeiros e a velos como son, máis aló das súas características singulares.

– Unha das tarefas do profesorado é ensinar a pensar, que cadaquén pense as súas ideas, dende o respecto individual de cada persoa e a propia experiencia, empregando a creatividade e construíndo un pensamento crítico propio.

– A través das actividades extraescolares, enriquecerase o currículo oficial, tendo en conta a importancia do desenvolvemento das Intelixencias Múltiples. Así, o colexio oferta actividades como: teatro, baile rexional, tecnoloxías da información e comunicación, técnicas de estudo, idiomas, deportes, música, oratoria, conferencias, saídas e excursións.

– O alumnado goza aprendendo a través de metodoloxías innovadoras e adaptacións dos modelos de ensino-aprendizaxe. O colexio foi pioneiro na implantación do método de lecto-escritura construtivista, e segue a ser referente nesta área. Tamén dispón dun método actual de lóxico-matemática. Leva décadas traballando por Proxectos. E foi pioneiro na implantación do plurilingüismo e na educación dixital. Actualmente dispón dun método propio de desenvolvemento da Intelixencia Emocional.

– O amor á natureza é desenvolvido polo alumnado desde os máis pequenos ata os maiores. Nas instalacións do centro desenvólvense diversas actividades de ecoloxía como plantacións na horta escolar e tarefas de coidado do entorno.

– O colexio está comprometido co fomento de hábitos saudables. Neste punto destaca a gran labor do comedor escolar propio, que oferta un menú variado e equilibrado a nivel nutricional, con cociña caseira, na que as cociñeiras elaboran ricas receitas a partir de produtos frescos mercados na vila.

– A formación permanente do profesorado é fundamental. Desde o seu inicio participaron en actividades de formación interna e externa, aprendendo de grandes mestres, psicólogos e pedagogos do momento como Francesco Tonucci, Emilia Ferreiro, Miryam Nemirovsky, Estela D’Angelo…E mesmo a profesora do colexio Mavi Sanmartín foi requirida en numerosas ocasións pola Xunta de Galicia para formar a profesorado doutros centros no ámbito da lecto-escritura.

– Todas as persoas que formamos parte do equipo de profesionais do Colexio Lourdes estamos comprometidas cun proxecto formativo de calidade e damos o mellor de nós mesmas cada día para ofrecer ao alumnado un entorno no que se desenvolven de xeito integral.

– O colexio está en continua colaboración con asociacións benéficas: Cáritas, Cruz Vermella, Amigos de Galicia, Save the Children, AECC, Fundación Andrea… E tamén colabora de xeito particular con familias que necesitan axuda.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies