Oops! It appears that you have disabled your Javascript. In order for you to see this page as it is meant to appear, we ask that you please re-enable your Javascript!

Lucía, finalista do concurso “Dillo a quen queres”

Neste curso 2012-2013, no mes de novembro, participamos no concurso de cartas “Dillo a quen maltrata” que organizou a concellería de Igualdade do concello de Lalín. A carta presentada por Lucía, de 4º da ESO, resultou escollida como texto finalista no certame. Os nosos parabéns!!

Reproducimos aquí, de forma íntegra, o texto de Lucía.

Estimado inimigo:
 
Escríboche a ti agora porque a fin de contas es quen estivo comigo todos estes anos. Ninguén permaneceu tanto tempo ó meu lado, ninguén se apoderou de todas e cada una das fibras do meu ser como fixeches ti. Nin unha soa persoa conseguiu controlarme desa maneira, ninguén me perseguiu a todos os lugares ós que ía, nin en todos os momentos que vivía. Espertaba todos os días coa dúbida de se estarías comigo aínda ou se xa fuxiras para sempre, de se podería acostumarme a vivir sen ti, ou se podería seguir soportando vivir contigo. Ó final era incapaz de imaxinarme sen a túa compaña, sen a túa presenza en cada movemento, palabra, pensamento, … Convertécheste sen eu querelo no pilar da miña vida, como o pau que precisa o ancián para poder camiñar ou a man que apreta o neno cando comeza a dar os primeiros pasos.
 
Co tempo todo cambia e ás veces as cousas resultan complicadas e precisan máis esforzo do que nós somos capaces de soportar, pero cando o consegues a satisfacción é incríbel. Estou segura de que non podes nin chegar a imaxinar como me sinto agora que podo falar dun presente diferente, agora que podo dicir que es o meu pasado. Nunca crín que podería ter o valor para botarte fóra, de arrancarte da miña alma, pensei que nunca sería o suficientemente forte para dicirche o adeus definitivo e saudar á nova vida que comezaría afastada de ti.
 
Hoxe, despois dalgún anos, decidín escribirche porque agora que a miña situación é moi diferente a cando estaba ó teu lado, quero falarche deste cambio, do máis grande que experimentei nunca. O que mudou todo foi que a coñecín, por fin apareceu esa da que todo o mundo fala e que eu vía como imposible. Logrei traela á miña vida e unirme tanto a ela que presinto que ninguén nos poderá separar xamais. Ela está ocupando o teu lugar agora, está comigo en todo momento como facías ti, pero a diferenza é que con ela non hai bágoas, nin lamentos, nin tristeza … Grazas a que está comigo xa non son a muller insegura, a muller triste, a que tiña todo o corpo marcado de negróns e ferida tamén a alma. Xa non son a muller con cadeas, a que estaba atada á persoa que máis dano me fixo e máis a ti. Xa non. Queres saber o nome de quen rompeu todas esas cadeas? Pregunta por felicidade, aínda que estará ocupada axudando a mulleres que, como quixen e logrei eu un día, desexan separarse de ti.
Agora que xa está todo dito, non volverás saber máis de min, xa que estarei recuperando o tempo perdido mentres son feliz.
 
Con todo, despídome:   
                                            Adeus, medo, adeus.

                                                                                                                                     

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies