Benvido Magosto!
O Magosto xa chegou!
Con agarimo e ilusión o celebramos, e con diversas actividades o mércores 23 tamén cantamos:
“Do outro lado do río
ten meu pai un castiñeiro,
da castañas en agosto
uvas pasas en xaneiro”
No magosto tamén comezamos as actividades enmarcadas no ProxectoTERRA (Plan Proxecta+), que este ano titulamos “Redescubrir A Estrada. Paisaxe, urbanismo e patrimonio”. Fixémolo tratando de poñer en valor as fermosas instalacións deportivas do colexio, nas que tivo lugar a celebración, e tamén a paisaxe urbana e rural da estrada, con dúas andainas dende o centro de Educación Infantil e Primaria, situado na rúa do Cruceiro da vila da Estrada, ata o centro de ESO e instalacións deportivas do colexio, situados no rural estradense, na parroquia de Santa Baia de Matalobos.
Os de 1º, 2º e 3º EP fixeron unha ruta máis curta, pola zona deportiva da Estrada, cun percorrido total de 2,67 km, mentres que os de 4º, 5º e 6º EP animáronse cunha máis longa, de 6,64 km, atravesando Figueiroa, Toedo e Matalobos. Foi unha ocasión magnífica para admirar a transformación da paisaxe no outono, a pegada humana no entorno e concienciar sobre a necesidade de protexer a natureza e o patrimonio.











































