Redescubrindo a vila da Estrada (I)
O 5 de xuño o alumnado de 1º e 2º de E. Primaria realizou unha saída didáctica para desenvolver a actividade “A vila da Estrada”, incluída dentro do proxecto Redescubrindo a vila da Estrada que, á súa vez, se enmarca no programa educativo ProxectoTERRA do Plan Proxecta+.
Coa axuda de Silvia e Xesús, de Tesouros Novos – Xestión Cultural, dun plano da Estrada e dun compás para orientarse, o alumnado foi descubrindo aspectos relacionados coa vila, a súa historia e símbolos, a organización e xestión dos servizos municipais, a arquitectura e o urbanismo. O percorrido iniciouse cunha sesión no salón de plenos do concello e, despois de percorrer algunhas rúas, de pararse en diferentes edificios públicos, de atravesar a feira (si, un mércores!), de deterse nas esculturas que se alzan en distintas prazas e rúas e de fixarse na arquitectura de edificios antigos e modernos, rematou no Novo Mercado.
Xa de regreso no colexio, quedaba valorar a actividade e compartir o aprendido cos compañeiros e compañeiras doutros cursos. Para iso, elaborouse unha presentación con textos e imaxes, a modo de guía da Estrada.
























