Tres, dous, un… acción! Animación con stop motion. NTC! (I)
Este curso presentamos con moita ilusión un proxecto para desenvolver con todo o alumnado de Primaria: Tres, dous, un… acción! Animación con stop motion. Deseñouno o profesorado do colexio e enmárcase dentro do programa educativo de dinamización lingüística e alfabetización audiovisual “Nós tamén creamos!”, pertencente ao Plan Proxecta+.
O produto final consiste na elaboración dunha curtametraxe de animación en galego coa técnica stop motion e o making off correspondente. No noso caso serán dúas curtametraxes e dous making off, pois formamos dous equipos de traballo: o de 1º, 2º e 3º EP e o de 4º, 5º e 6º EP.
Pasos seguidos:
1- O profesorado tivo unha sesión do curso de formación en stop motion, presentouse o proxecto nas aulas e recibimos no colexio un lote álbums ilustrados da editorial OQO.
2- Traballamos cos diferentes contos e escollemos un para crear as nosas curtametraxes: Caracol e Caracola, escrito por Armando Quintero e ilustrado por André Letria (OQO Editora, 2008).
3- Cos outros libros fixemos tarefas de lectoescritura, debuxo e incluso nos inspiramos nun deles, A colleita de Ratiño, para unha actividade de plantación, aínda que cambiamos os garavanzos de Ratiño por chícharos.
Ligazón ao post desta actividade: /plantacion-de-chicharos-2oep/
4- O profesorado fixo o curso Do conto á curta. A dinamización do galego a través da creación audiovisual e, paralelamente, comezamos a practicar nas aulas coa aplicación Stop Motion Studio. Nas clases de Natural Science e polo Día da Paz fixemos as primeiras creacións con esta técnica de animación.
5- Tamén comezamos a pensar na creación de personaxes nas clases de Educación Plástica e Visual.
6- Pola Festa da Patroa do colexio debuxamos “O xardín de Caracol e Caracola”.
7- E no Entroido, ademais de recibir algunha sorpresa, tivemos obradoiros para experimentar con diferentes materiais e crear os personaxes da curtametraxe. En 1º, 2º e 3º EP, ademais dos outros personaxes, fixemos cadanseu Caracol ou Caracola! E no grupo de 4º, 5º e 6º tamén creamos un montón de caracois. CANTA CREATIVIDADE E DIVERSIDADE!


































