Oops! It appears that you have disabled your Javascript. In order for you to see this page as it is meant to appear, we ask that you please re-enable your Javascript!

XI Festa das Palabras

A XI Festa das Palabras, que desde o 2014 vén organizando en colaboración co Concello da Estrada o colectivo Dinamizastrada (no que se integran os Equipos de Dinamización da Lingua galega dos dez centros de ensino do noso concello)  celebrouse o pasado 22 de maio no Teatro Principal.

Convocados un ano máis pola habelencia dos/-as nosos/-as xoves escritores/-as, que nesta ocasión crearon un microrrelato e un micropoema coas palabras “música” e “silencio”, quixemos render, como todos as primaveras, unha dupla homenaxe: ao noso idioma, para que siga a florecer, e a Luísa Villalta, autora á que se lle dedicou o Día das Letras Galegas.

O acto, presentado de maneira magnífica por Mateo e Lía, do IES García Barros, contou cun fermoso e acaído discurso de Carlos Loureiro, padriño desta edición; coa música de Luzía Azurmendi e membros do Obradoiro de música “Carlos Barruso” e, como non, coa entrega aos protagonistas dunha caravel e de cadanseu exemplar do libro deste ano.  Sesenta e dous textos gárdanse desde xa nunha fermosa publicación, cunha portada alusiva ás palabras deste curso a cargo de Rosa de Cabanas, tan creativa coma sempre, e con dezaseis ilustracións feitas polo alumnado de Educación Infantil dos centros estradenses que teñen esta etapa ¡que mérito debuxar o silencio, a música!

En hora boa ao noso alumnado, que tan ben nos representou: Simón, de 2º EP; María, de 3º EP; Carlota, de 6º EP; Carolina, de 2º ESO e Iara, de 3º ESO, na modalidade de micropoemas. E Bruno, de 2º EP; Ana, de 4º EP; María, de 5º EP; Zoe, de 1º ESO e Blanca, de 4º ESO, na modalidade de microrrelatos. E por suposto, a Dinamizastrada por organizares tan fermoso acto.

Este ano tocou Luísa Villalta, poeta. Co silencio e a música das súas palabras naceron novos textos e agora só nos falta agardar o próximo curso para que, baixo o reclamo dun novo autor ou autora, novas creacións vexan a luz.

 

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies