Oops! It appears that you have disabled your Javascript. In order for you to see this page as it is meant to appear, we ask that you please re-enable your Javascript!

VEXO VEO XACOBEO (II): Percorrido dun tramo do Camiño de Santiago (Plan Proxecta+)

O 9 de maio, debidamente ataviados cos chalecos reflectantes e gorras, recibimos no colexio a visita do narrador e actor Anxo Moure, que disfrazado de árbore e acompañado por un burro moi especial, nos fixo desfrutar coas cancións, rimas e reflexións sobre os valores vinculados ao Camiño de Santiago.

Recibímolo tocando as cunchas de vieira, un dos símbolos xacobeos por excelencia, e obsequiámolo co baile dunha muiñeira, acompañada coa percusión das cunchas, e coa canción rockeira “Dende A Estrada a Compostela”, cuxa letra compuxemos no colexio para este proxecto.

Con el percorremos un pequeno tramo do Camiño de Santiago, en concreto a ruta do Camiño da Geira ou dos Arrieiros que discorre entre a Praza do Concello e o Camiño do Cruceiro, pasando pola rúa do Cruceiro, na que se atopa o noso colexio. Anxo amenizou a andaina coas súas sabias palabras sobre a amizade, o respecto á natureza, a convivencia pacífica, a esperanza…

Fixemos unha parada no bar “As Tres Portiñas”, polo que cruzaba o Camiño Real, detivémonos no cruceiro que dá nome á rúa do noso colexio para admirar as figuras de Santiago Peregrino e San Roque, ambas elevadas sobre cunchas, e, por último, dende o Camiño do Cruceiro divisamos no horizonte a cidade de Santiago e o Pico Sacro, fonte dalgunhas das lendas ligadas á tradición xacobea.

Como nos gustou tanto esta experiencia, convidámosvos a todas e todos a percorrer algúns dos tramos do Camiño de Santiago que discorren polo Concello da Estrada:

  • A Vía da Prata ou Camiño Mozárabe e o Camiño de Inverno comparten trazado ao seu paso polo noso concello, e discorren polas parroquias de Orazo, Loimil, Oca, Castro e Arnois.
  • Ademais, tamén pasan pola Estrada outras rutas “menores”, como son o Camiño Miñoto-Ribeiro, o Camiño de Taverneiro e o Camiño da Geira ou dos Arrieiros.

Plan Proxecta +, Programa Vexo veo Xacobeo

Proxecto: Xa se ve Compostela! A Estrada e os Camiños de Santiago

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies