Oops! It appears that you have disabled your Javascript. In order for you to see this page as it is meant to appear, we ask that you please re-enable your Javascript!

VEXO VEO XACOBEO (I): ETAPAS DO NOSO CAMIÑO (Plan Proxecta+)

Plan Proxecta +, Programa Vexo veo Xacobeo

Proxecto: Xa se ve Compostela! A Estrada e os Camiños de Santiago

Polas terras da Estrada pasan algúns dos Camiños de Santiago, como amosan as pegadas deixadas na arte, no saber popular, os símbolos do Camiño…e o propio tránsito de peregrinas e peregrinos.

Desde algunhas das ventás o noso Colexio pódese contemplar unha zona do val do Ulla, pola que discorren algunhas desas rutas, o Pico Sacro, moi ligado á tradición xacobea, e nos días claros incluso se poden albiscar a cidade de Santiago de Compostela e as torres da Catedral, é dicir, o lugar de confluencia dos diferentes Camiños de Santiago.

Contando con esta privilexiada situación, comezamos este proxecto con moita ilusión e con ganas de descubrir, aprender e compartir.

BO CAMIÑO!

 

O Pico Sacro coroando o horizonte recórdanos a lenda xacobea, a raíña Lupa e a Teodoro e Atanasio.

Os símbolos do Camiño de Santiago están por todas partes: aquí podemos ver unha Torta de Santiago decorada coa Cruz de Santiago e unha cuncha nunha das tapas de sumidoiro do Colexio.

Na Rúa do Cruceiro, onde se atopa o Centro de Educación Infantil e Primaria do noso Colexio, atópase este cruceiro. No fuste podemos ver as imaxes de Santiago (arriba) e San Roque (abaixo) representados como peregrinos, co sombreiro con cunha de vieira e capa. Ademais, Santiago leva un libro e un bordón e San Roque porta un báculo e levanta a roupa, nun xesto típico da súa iconografía para amosar as feridas.

Na Praza do Concello da Estrada hai dúas esculturas de peregrinos. O peregrino de ferro é obra de Manuel Lago Román e a outra é do escultor Cándido Pazos. En ningunha das dúas faltan os símbolos característicos que permiten identificalas, como a cuncha de vieira.

ETAPA INICIAL

 

Esforzo, compañeirismo, solidariedade, amizade… son valores moi ligados ao Camiño de Santiago, como tamén o son palabras e expresións como arte, patrimonio material e inmaterial, natureza, deporte, espiritualidade… Todas estas palabras aparecerán ao longo das diferentes etapas nas que, como símil do propio Camiño, se organiza este proxecto.

Pensamos, conversamos e escribimos sobre o que xa sabemos sobre o Camiño de Santiago e sobre que nos gustaría aprender. Tamén compartimos coñecementos: Leo tróuxonos unha Compostela e explicounos en que consiste e como se obtén. E coñecemos a Tina Calixtina! (a mascota deste proxecto). Creamos a nosa propia Tina e vestímola de peregrina!

 

Reunimos e lemos contos e información sobre o Camiño de Santiago. Coñecemos a Valentiño, Marosa, Mariña, Xina, Hiro… Tamén descubrimos un Xogo da Oca do Camiño de Santiago, que nos daría ideas para crear en 6º de Infantil o noso propio xogo adaptado á Vía da Prata.

Observamos e comentamos mapas cos Camiños de Santiago por Europa, a Península Ibérica, Galicia e A Estrada. Uns en papel, outros consultámolos con Google Maps e Google Earth.

ETAPAS DE DESENVOLVEMENTO

Traballamos os símbolos do Camiño de Santiago e da cidade de Santiago de Compostela: as frechas amarelas, as cunchas de vieira, a Cruz de Santiago, o skyline de Santiago…

Conversamos, lemos, escribimos, debuxamos, estudamos a Vía da Prata, coas súas etapas e principais cidades e monumentos, practicamos como conversar en inglés cos peregrinos e peregrinas que veñen de fóra… E cubrimos as nosas propias credenciais!

En febreiro, na Festa da Patroa, fixemos bailes con cancións relacionadas co Camiño de Santiago e dúas obras de teatro. O alumnado de 6º de Educación Infantil representou “Unha pequena gran axuda”, cunha simpática tartaruga protagonista que acabou recibindo moita axuda para percorrer o Camiño de Santiago, e bailou “A Santiago voy”. O alumnado de 2º de Primaria escribiu unha versión propia e teatralizada do libro “Bo Camiño, Valentiño!” e representouna, reservando para a parte final o baile da canción “Camiño das estrelas”.

 

Nas clases de Baile galego aprendemos unha muiñeira moi especial, pois acompañamos o baile coa percusión de cunchas de vieira.

O alumnado de 1º e 2º recibiu con sorpresa unha carta de Tina Calixtina! Ocorréuselle facer nada máis e nada menos que o Camiño Francés, e aínda viña polo Cebreiro!

Tivemos varias sesións de orientación espacial en Educación Física, para aprender a orientarnos en calquera camiño coa axuda dun compás.

Nunha destas etapas tamén coñecemos o videoxogo do VEXO VEO XACOBEO! Encantounos!

Pero non rematamos aínda o Camiño. A meta está próxima, mais quedan aínda as últimas etapas para concluír os produtos finais dos que daremos conta noutro post. E tamén algunha sorpresa!

BO CAMIÑO!

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies