Escape-room pola igualdade
A igualdade de xénero, concepto tan sinxelo (a simple vista) como que homes e mulleres deben recibir os mesmos beneficios, as mesmas sentenzas e ser tratados co mesmo respecto, non debe ser obxecto de reflexión só con motivo dunhas datas concretas senón que é aprendizaxe que debera facerse ao longo de todo o curso, e de diferentes maneiras. Nesa liña concienciadora, pero que non exclúe o entretemento, os catro grupos da ESO participaron o pasado venres, 13 de decembro, nun escape room impulsado desde o CIM (Centro de Información da Muller) do noso Concello e que puxeron en práctica Andrea e Chío, da entidade educativa Anacos. A actividade consistiu nun primeiro momento de pescudas e deducións, coma se fose un xogo, para dar paso a unha segunda parte de pensar de xeito crítico no descuberto na fase anterior.
Foi unha mañá para traballar a igualdade, dunha forma diferente pero igual de necesaria.




