Festa do último día de clase
Chegou o final das clases deste curso 2024/2025! No cole gústanos despedilas por todo o alto, así que celebramos a “Festa do último día de clase” con varias actividades deportivas, lúdicas e solidarias.
Fixemos unha andaina ata as instalacións deportivas: o roteiro escollido foi o que une o centro de Educación Infantil e Primaria, situado na rúa O Cruceiro da vila da Estrada, e o centro de ESO e instalacións deportivas do colexio, situados no rural estradense, na parroquia de Santa Baia de Matalobos. O percorrido, dun total de 1,92 km, atravesa a zona deportiva da Estrada e a Barranqueira de Ponte Nova, e permitiunos desfrutar unha vez máis da paisaxe e observar as diferenzas entre a Estrada urbana e rural, ao tempo que tomamos nota dalgúns aspectos que debemos mellorar relacionados co coidado da natureza e as infraestruturas.
Nas instalacións deportivas desfrutamos con varios xogos e deportes: balonmán, fútbol, datchball, brilé, minibásket e actividades co paracaídas.
Co roteiro e os xogos nas instalacións deportivas do colexio pechamos as actividades do ProxectoTERRA (Plan Proxecta+) desenvolvido este curso en Educación Primaria.
Pero non rematou todo aí, porque este día tamén houbo tempo para a solidariedade, xa que celebramos a Carreira Solidaria coa que colaboramos coa ONG Save the Children. O alumnado de Infantil e Primaria puxemos toda a enerxía e ilusión nela e as familias colaboraron co patrocinio económico. MOITAS GRAZAS!
Ademais, tamén tivo lugar a entrega de material deportivo doado pola ANPA do colexio, disolta tras rematar o seu mandato. A súa presidenta, Puri Areán, acompañounos e entregounos o material, do que sen lugar a dúbidas desfrutaremos moito nos próximos cursos. MOITAS GRAZAS!
Así remataron as clases, con moita alegría e espírito solidario, o que nos axudou a levar moito mellor as emocionantes despedidas dos compañeiros, compañeiras e profes.
Ata o curso que vén!


















































