SEMANA DAS LETRAS GALEGAS 2025: as voces das cantigas, Dorothè Schubarth, os nosos xogos…
A Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras Galegas do ano 2025 á poesía popular oral, centrando a homenaxe en seis mulleres destacadas neste ámbito: Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda; Eva Castiñeira Santos, de Muxía; e Manuela Lema, Teresa García Prieto, Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, estas catro integrantes das Pandeireteiras de Mens (Malpica). Trátase dunha homenaxe colectiva que se deu a coñecer a través dos vídeos proxectados nas clases de Lingua Galega e da cartelería exposta no centro.
Para divulgar quen foron estas mulleres e a importancia do seu legado realizamos diversas actividades lúdicas: escoitamos as súas músicas —e tamén outras relacionadas coa tradición oral galega—, lemos textos acompañados de música en directo para afondar no contido das cantigas e exploramos o seu contexto cultural para explicar por que houbo, e segue habendo, cantigas.
No acto principal do Día das Letras, contamos coa intervención de Enrique Otero, ex-director do noso colexio e amigo persoal de Dorothé Schubarth, a recoñecida musicóloga suíza que, xunto con Antón Santamarina, elaborou o Cancioneiro Popular Galego. Acompañado pola nosa directora, Dolo, Enrique compartiu con nós retallos da vida e obra de Dorothé Schubarth, e así as fotografías, as anécdotas e moitas vivencias persoais debulladas durante case hora e media permitíronnos coñecela dun xeito próximo e entrañable. Certamente non foi homenaxeada, non directamente nesta ocasión, pero a súa presenza simbólica estivo moi presente na edición deste ano pois falar de cantigas populares galegas é, inevitablemente, falar tamén do seu traballo incansable de recollida e estudo.
Foi unha mañá intensa na que nos metimos de cheo nas nosas letras, este ano con música e con cantigas. A interpretación do Himno galego cara ao mediodía deu paso ao merecido lecer: comida na carballeira, actividades de xogos tradicionais e competicións deportivas.







