DÍA DO LIBRO 24-25
Na semana do 23 de abril celebramos no centro da ESO o Día do Libro cunha serie de actividades pensadas para fomentar o gusto pola lectura e o contacto co mundo literario.
En primeiro lugar, tivemos a honra, este ano tamén, de contar cunha charla de Juan Andrés Fernández Castro, escritor e amigo do noso centro, que compartiu co alumnado a súa experiencia no mundo da escritura pero tamén como lector pois Juan Andrés falou e leunos pasaxes de libros como A Odisea, A Ilíada, A illa do tesouro ou Os viaxes de Gulliver e animounos, por suposto, á súa lectura. Foi un encontro moi enriquecedor pois agora xa sabemos de textos clásicos que están aí, e desde hai tanto tempo, agardando por nós para ser lidos.
Á parte diso, organizamos unha lectura pública ao aire libre dun conto do autor Mario Vargas Llosa. Varios alumnos e alumnas prestaron as súas voces para dar vida ao texto e así poder coñecer mellor a obra dun dos grandes nomes da literatura hispanoamericana, recentemente falecido.
Por último, celebramos unha videoconferencia moi especial co alumnado de 6º de Primaria. Nela, o alumnado de 1º da ESO fíxolles recomendacións lectoras a partir de libros que lles gustaron e explicando por que lles pareceron interesantes. Resultou un momento de intercambio moi positivo e que demostrou tamén que a lectura pode unir diferentes idades e etapas educativas.
En resumo, unha semana de palabras e historias compartidas, e saboreadas, a través dos libros.

