Festa dos Maios e as Letras Galegas
O 15 de maio celebramos con moita ilusión a Festa dos Maios e as Letras Galegas, este ano dedicada á poesía popular oral, personificada nas figuras de Adolfina e Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira Santos, Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda.
Os días previos fixemos nas aulas diversas actividades e tamén montamos un maio na entrada do colexio.
O día 15 comezámolo cun concerto da rondalla no patio, que interpretou o Himno Galego, diversas pezas populares…e ata unha versión da Bamba en galego! Rendemos homenaxe ás cantareiras cantando e tocando a pandeireta e tamén co baile galego. Os grupos de baile galego do colexio bailaron unha muiñeira e unha xota.
De seguido, trasladámonos ás instalacións deportivas do colexio facendo dúas andainas con paradas para comentar diversos aspectos sobre a Estrada urbana e rural, a configuración urbana, os servizos e infraestruturas da vila, a paisaxe rural, a natureza, etc. Estas actividades enmárcanse dentro do proxecto “Redescubrindo A Estrada. Paisaxe, urbanismo e patrimonio”, pertencente ao programa educativo ProxectoTERRA, do Plan Proxecta+.
O alumnado de 1º, 2º e 3º EP fixo a ruta curta dende o centro de Infantil e Primaria ata o centro de ESO polo límite da zona deportiva da Estrada. O de 4º, 5º e 6º EP fixo unha ruta máis longa, tamén pola zona deportiva da Estrada.
Nas instalacións deportivas tivo lugar o xantar, seguido de diversos xogos e actividades deportivas coas que nos divertimos moito.
VIVAN OS MAIOS E AS NOSAS LETRAS!
































































