Redescubrindo a vila da Estrada (II)
Un dos proxectos que deseñamos e desenvolvemos este curso en E. Primaria titúlase Redescubrindo a vila da Estrada e pertence ao programa educativo ProxectoTERRA do Plan Proxecta+, unha iniciativa da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia que ten como obxectivo fomentar a innovación educativa.
No proxecto participou todo o alumnado de Primaria e organizouse en varias fases:
FASE 1: o 23 de novembro o alumnado de 6º EP participou no obradoiro Sementeira 9. Territorios creativos: paisaxe e sostibilidade, impartido no colexio polas arquitectas Ana Barreiro e África Martínez (Taller Abierto Proyectos Culturales).
Ligazón ao post deste obradoiro: /sementeira-9-territorios-creativos-paisaxe-e-sostibilidade-proxectoterra/
Nas semanas posteriores ao obradoiro, o alumnado foi rematando os planos.
FASE 2: no 2º trimestre, todo o alumnado debuxou o seu mapa mental do camiño da súa casa ao colexio (1º, 2º, 3º e 4º EP) ou da vila da Estrada (5º e 6º EP).
FASE 3: no 3º trimestre traballouse con planos da Estrada. O alumnado puido comparalos cos mapas mentais que previamente debuxara.
FASE 4: o alumnado de 1º e 2º EP fixo unha saída para participar na actividade didáctica “A vila da Estrada”, dirixida pola empresa de xestión cultural Tesouros Novos. Algúns dos aspectos que se abordaron foron a organización e xestión municipal, historia e símbolos da Estrada, urbanismo, arquitectura e desenvolvemento sostible, orientación espacial, etc.
Ligazón ao post desta saída didáctica: /redescubrindo-a-vila-da-estrada-i/
Trala visita, fíxose un repaso e reflexión nas aulas e, con axuda do profesorado, elaborouse unha presentación con textos breves e fotografías, na que se recolleu o percorrido realizado, a fin de compartir as aprendizaxes cos demais cursos.
FASE 5: o alumnado de Primaria visualizou e comentou a presentación “Redescubrindo a vila da Estrada” e marcou o percorrido sobre os planos da vila.
FASE 6: a presentación de fotos rematou con dúas peticións; 3º e 4º terían que facer un deseño de mellora da Rúa do Cruceiro, na que se atopa o colexio, e 5º e 6º deseñarían unha nova Praza de Galicia (Praza da Farola). O alumnado traballou no deseño de propostas.
FASE 7: o alumnado de 6º EP presentou as súas creacións, feitas ao longo de todo o proxecto aplicando os coñecementos adquiridos sobre organización do territorio, deseño urbanístico, desenvolvemento sostible, respecto medioambiental, respecto patrimonial, etc.
Parabéns polo traballo e por esas magníficas propostas!










































