Tres, dous, un… acción! Animación con stop motion. NTC! (III)
A etapa final do traballo para a creación das curtametraxes de animación con stop motion (programa educativo “Nós tamén creamos!” do Plan Proxecta+) foi moi laboriosa e centrouse nos procesos de gravación e edición de imaxe e son.
Nos posts anteriores recolleuse o traballo feito anteriormente:
/tres-dous-un-accion-animacion-con-stop-motion-ntc-i/
/tres-dous-un-accion-animacion-con-stop-motion-ntc-ii/
Os pasos seguidos nesta última etapa foron:
10- Para a curtametraxe de 1º, 2º e 3º EP foi necesario crear unha banda sonora. A profesora de Música e Danza compuxo unha canción que aprendemos e gravamos nas clases. É moi pegadiza!
11- Con moita ilusión, montouse o “set de gravación”, ben protexido para que a luz natural non fixera estragos.
12- Así comezou a laboriosa fase de gravación, para a que se requiriron grandes doses de paciencia e traballo sistemático. Que emocionante foi dar vida a todos os personaxes!
No grupo de 1º, 2º e 3º todo o alumnado participou nalgún momento da gravación. No de 4º, 5º e 6º, encargouse da gravación o alumnado de 5º EP.
13- Mentres, nas clases de Lingua galega e literatura, Educación Plástica e Visual e nas sesións de Obradoiro, seguimos traballando coa plataforma de OQO Editora.
14- Ao tempo que avanzaban as gravacións, en Lingua galega e literatura tocaba traballar as voces. Houbo moitas risas para conseguir gravar as voces de Caracol, Caracola, narradores e narradoras.
Na curtametraxe de 1º, 2º e 3º de EP puxeron as voces dos personaxes e narradores un grupo de alumnas e alumnos pertencentes aos tres cursos.
Na curtametraxe de 4º, 5º e 6º EP encargouse desta tarefa o alumnado de 4º EP.
15- A edición do vídeo correu a cargo do profesorado, pero o alumnado tamén participou do proceso, vendo a evolución da edición dalgúns fragmentos na pantalla dixital e axudando a escoller as mellores interpretacións das voces.
16- Por fin chegou o momento de ver, con moita emoción, o resultado de tanto traballo. Houbo aplausos para Caracol e Caracola, pero tamén para os títulos de crédito con todos os nomes do profesorado e alumnado participante.
17- Aínda quedaba unha sorpresa… Había tamén vídeos co making off!
O curso rematou e quedamos con ganas de ver máis veces Caracol e Caracola e de repetir esa oración final que tanto nos gusta: “QUE BONITOS SOMOS!”


































































